Thursday 02 de May de 2024

Saen a concurso os primeiros contratos da Central de Compras da Deputación da Coruña


Cada concello poderá sumarse de xeito voluntario á plataforma nas compras, contratos de obras ou subministracións que precise

Boletín Oficial da Provincia publica os pregos para a contratación das primeiras subministracións que formarán parte da Central de Contratación da Deputación da Coruña. Trátase dos acordos marco para a compra de ordenadores persoais, portátiles ou escáneres, cuxa adxudicación podería estar lista antes de finais de ano.

Deste xeito ponse en marcha a Central de Contratación que aprobou o pleno da corporación provincial o pasado verán e á que poderán adherirse voluntariamente todas as entidades locais da provincia que o desexen. De feito, xa hai concellos que mostraron o seu interese en sumarse a esta plataforma que naceu na procura de tras grandes obxectivos: aforrar custos a través de contratacións centralizadas; simplificar a tramitación na contratación de obras, subministracións, bens ou servizos; e obter unha ferramenta útil para as entidades locais con menos recursos materiais e persoais.

Este servizo que ofrece a Deputación é gratuíto para as entidades locais e supón un novo xeito de manter a colaboración da institución provincial cos concellos.

Carácter pioneiro
Esta é a primeira vez que se pon en marcha unha central de contratación deste tipo na Deputación e o seu funcionamento pasa pola redacción dun prego marco, xa sexa de obras menores ou de subministracións (equipamento de praias, parques, vehículos…), ou de servizos (enerxía eléctrica, telefonía ou proxectos de aforro enerxético). A partir de aí os concellos, voluntariamente, súmanse ao prego que lles interese nun momento determinado.

Deste xeito, lógrase unha importante redución nos trámites administrativos (o prego de cláusulas técnicas e administrativas é único para todos os concellos) á vez que un aforro económico que virá dado polas previsibles ofertas axustadas das empresas subministradoras, toda vez que a súa proposta chegará a todas as entidades locais da provincia.